15 de outubro de 2019

Restringido   Contacto  Engador a Favoritos

Inicio

AGRUPACIÓN SOCIALISTA DE PORRIÑO

 


Home / Novas / Actualidade / Entrevista a Iván Vaqueiro no Xornal A P

Actualidade

Entrevista a Iván Vaqueiro no Xornal A Peneira da Louriña

A actualidade municipal, a relación co novo goberno e a súa valoración e as perspectivas do PSdeG analizadas en profundidade nunha entrevista ó noso secretario xeral.

 

26/04/2010

 

 

Vos deixamos a entrevista completa:

 

 

Iván Vaqueiro, 32 anos, é o voceiro municipal e secretario xeral do PSdeG-PSOE do Porriño. Esta conversa pecha a rolda de entrevistas que neste xornal estamos a facer dende finais do ano pasado aos diferentes líderes políticos porriñeses. Segundo poidemos albiscar durante a entrevista, Vaqueiro séntese seguro de que “é o momento do PSdeG” no Porriño e que o seu partido é unha alternativa “real” de goberno. A súa relación co novo executivo local e co BNG, a postura do seu partido cara ao 2011 e temas de importancia municipal como o paso a nivel ou o desenvolmento econòmico centraron á entrevista. 

A.R/O PORRIÑO

-Logo da moción de censura, como ve O Porriño e o seu goberno?

-O noso grupo mantén unha oposición construtiva en defensa dos intereses xerais dos porriñeses. Por elo, debemos sinalar en primeiro lugar que este goberno nin sequera leva 100 días ó fronte do Concello, polo tanto é pronto para facer unha avaliación global por áreas. Onde si debemos criticar con contundencia ao goberno local é no feito de que queira restrinxir a actividade da Corporación Municipal que representa ó pobo de Porriño. Nesta cuestión concreta a alcaldía amosa un preocupante talante antidemocrático que eu lle invito a correxir.

-E como é a relación co novo goberno?

-Nelson Santos é responsable de que non sexa una relación frutífera. Teño que destacar que non se sentou co noso grupo para falar a fondo nin das normas de xogo democrático baixo o seu mandato, nin das liñas xerais da súa actuación, nin dos Presupostos 2010 que tanto necesita o noso pobo. Por outra parte, o sr. Santos está torpedeando antidemocraticamente o Pleno, atentando contra o normal funcionamento do máximo órgano de representación do Concello. Para isto, sobráronlle os 100 días. Mal empeza un alcalde se se encerra na torre de marfil, porque te afastas da realidade.

-PP, CxP e IdeP nun mesmo goberno.Logo de anos de enfrontamentos chegarán a bo porto?

-A nós o que nos preocupa é contribuír á mellora da calidade de vida dos porriñeses. Os avatares internos e as liortas entre os partidos que conforman o goberno só me interesan se repercuten negativamente no pobo de Porriño. Eu  espero que, polo ben de Porriño, este goberno, unha vez conformado, actúe de maneira unida.

-E co BNG, agora na oposición, cal é o seu posicionamento?

-Respectamos o proceso de reflexión interna que, supoñemos, iniciarán tralo fracaso da perda do goberno. En todo caso, a nosa posición non vai variar porque sempre tivemos a man tendida ao BNG, e vámola seguir tendo, esperando que eles tamén a tendan, pois non somos competidores. Nós non competimos co BNG porque non somos nacionalistas, o noso espazo electoral é o do centroesquerda progresista e esquerda social, e polo tanto, é nese espazo no que nos movemos.

-O paso a nivel sempre xera debates…

-Os feitos confirman que a proposta que presentei ó pobo de Porriño era a acertada. Naquel intre, ningún outro grupo nos apoiou. Agora, nos dan a razón, ratificando que o proxecto que encabezamos é o mellor para conseguir a modernización que Porriño precisa. A confirmación que nos fixo o Secretario de Estado de Infraestruturas, Víctor Morlán, fai unhas semanas, e o acordo España-Portugal para empezar as obras en 2012, nos ratifican. Neste ano de mandato que lle resta o sr. Santos, ofrézolle a miña colaboración, pero nós imos seguir traballando como grupo da Corporación e aspiramos a liderar dende o goberno o tema a partir de 2011.

-Para cando unha reordenación urbana?

-O Plan Xeral que aprobou o centro dereita fomentou a especulación e a falta de espazos públicos de desfrute para a cidadanía. Todos o vemos cada día. O noso proxecto quere un urbanismo transparente pensando na cidadanía e un progreso económico, social e sostible. Para iso é necesario aproveitar a oportunidade histórica que representa o AVE Vigo-Oporto para repensar O Porriño e mellorar a intercomunicación entre O Porriño e Torneiros, promocionar o río e o seu desfrute e afrontar unha reforma para gañar espazos para o cidadán. Para iso, pedirémoslle ao pobo de Porriño que nos apoie con forza nas elección de 2011.

-O Porriño segue a ser a potencia industrial que era?

-O potencial económico do noso pobo naceu co Parque Empresarial de As Gándaras e creceu co Parque Empresarial de A Granxa e outros espazos e actividades. Penso que debemos sentirnos orgullosos deles e dos milleiros de traballadores e centos de empresas que tanto progreso achegan ao pobo do Porriño.  Temos un comercio de alta calidade que debemos potenciar, e preocúpanme algunhas decisións do novo goberno, que trata de marxinalo.

No tema das canteiras, é necesario un proxecto rexenerador ó fronte do Concello e os socialistas imos presentar esa proposta no noso programa electoral de 2011 que será un compromiso cos cidadáns. Desexamos que o actual goberno local faga algo neste tema no ano de mandato que lle queda. De momento, non hai indicios de que estean afrontando este contencioso de tanta importancia económica para o Concello e o pobo do Porriño. Parece que a Nelson Santos non lle interesa resolver o problema da débeda dos canteiros e a regularización das mesmas.

-Fáleme das Parroquias…

-Igualar a calidade de vida en canto a servizos básicos entre o casco urbano e as parroquias é un dos eixos centrais que deben rexir a vida do Concello. Dende o goberno local e dende a oposición impulsamos medidas neste ámbito, porque O Porriño non se pode modernizar se non se modernizan as nosas parroquias, preservando e defendendo as sinais de identidade de cada unha delas, que son un elemento enriquecedor moi importante no que significa ser porriñés. De cara ás próximas eleccións, somos conscientes de que o noso proxecto precisa mellorar a súa implantación no ámbito rural. É unha das miñas prioridades.

-Vai ser vostede o candidato?
-Estou a disposición do partido e de todos e cada un dos militantes do PSOE, que son os meus compañeiros, para os que só teño un profundo sentimento de gratitude pola súa colaboración e apoio. No momento axeitado, comunicaremos o pobo de Porriño quen será o candidato para gobernar Porriño dende a Alcaldía no periodo 2011-2015.

-Como ve ao PSOE no Porriño. No pleno da moción falaron vostedes de ser a alternativa ó goberno actual. Cre que a veciñanza o contempla así?

-Somos unha alternativa forte que marca a diferenza, e o tema do paso a nivel, por exemplo, o demostra. Queremos crecer en número de concelleiros nas próximas elección e, para iso, estamos traballando con intensidade para reforzar o noso proxecto e facelo ilusionante ante a cidadanía, para conformar unha candidatura con persoas solventes en capacidade, compromiso social e representatividade.

-Cales son os obxectivos do PSOE no Porriño en 2011?
-O primeiro crecer en número de concelleiros para poder acadar o goberno. Dirémoslle os cidadáns que tras analizar as posibles opcións aposten, se é posible, maioritariamente, se así o  cren, por un proxecto de progreso. Dirémoslle á cidadanía que o PSOE é un proxecto de porriñeses e porriñesas honrados, ilusionados cos desafíos que temos por diante, cercanos e comprometidos con Porriño, as súas costumes, e as súas xentes, que amamos profundamente.

 

 

http://blogs.apeneira.com/lourinha/2010/04/ivan-vaqueiro-queremos-ilusionar-a-o-porrino-cun-proxecto-progresista/

 

 

 

 

 

PSdeG-PSOE O Porriño
C/ Fernández Areal, 22 - Bajo
Apartado de Correos 4, 36.400 O Porriño
Teléfono: 886 133 680
psdeg.psoe.oporrino@gmail.com
Configuración óptima 1024*768 / IE, Nestcape 4.0 ó superiores y Opera